Arquivo para Maio 2008

31
Mai
08

figura

Un texto pertencente á serie de textos carboníferos, anteriores a 1997.

figura histórica anónima

Criei en mans de veleidosas nodrizas.
Os cónsules aromatizaban con talco a súa impericia,
os seus ventres castigados
a estancia do tempo nas súas meixelas
os seus ollos coma orbes sepultadas.
Nada me aprenderon do amor.
En troques, todo canto sei
de guerra
a eles débollo.
Das nodrizas gardo un arrecendo denso
e cada particularidade dos seus xeonllos.
O sardónico sorriso dos cónsules.
O seu xogo axitado e nervioso
propio de perdedores.
A súa inqueda astucia.
Caín coma un rei no seu taboleiro.
A miña fronte aberta na madeira paríu un novo imperio.
A cobiza dos homes é a mesma
só cambian a pericia e o momento.
E xa o meu nome mármore?
Son xa as letras nun libro?
Alguén estúdiame e recítame nunha clase.
Fóra chove,
como nos poemas.

24
Mai
08

pinte un bisonte na caverna, por favor [crónica VI]

lara

O día 24 de xaneiro veu Sara Jess ao ciclo este dos bisontes. Sara Jess, pseudónimo de Lara Bacelo. Presentou varias das súas brillantes propostas en vídeo: primeiro con Turi, unha conversa baixo a forma de monólogo dun home peculiarmente reflexivo, desinhibido, diagnosticado. De. Esquizofrenia. Conversas con Deus.

A conversa deixa momentaneamente pranchada á audiencia.

Lara devólvenos o pulso pinchando varios vídeopoemas nos que pestanexa a súa ollada algo turbia non sei se por nostalxia, por saudade, por inocencia que se é consciente de estar abandonando. Son fragmentos atravesados. Non sei moi ben de que.

Rotos. Non sei moi ben por que.

territorios [o stage6 pechou, así que non sei onde se poderá conseguir]

fuxida

carta dun domingo pola tarde

Por suposto, gústannos. Moitísimo.

Na butaca sentadiña penso. Non moito. Non é san. Pero vouno compartir: penso que a imaxe e a fotografía seguen dúas vertentes:

  • a vertente brillante, a da imaxe de alta definición, enormemente agresiva porque imprime ante os nosos ollos cousas que non estaban aí, cousas que nós non vimos. A fotografía que mellora o mundo. Un mundo de contornos idealizados. A fotografía exultante de técnica. David LaChapelle oucomoseescriba por exemplo.
  • a vertente opaca, a que trata de interpoñer pó ou tempo [son, e logo non, a mesma cousa] entre nós e a imaxe, a fotografía turbia, algo rachada, manchada. A fotografía tímida. Que, á fin, tamén nos amosa un mundo que nós non vimos. Que non estaba aí. Unha imaxe arcaizada -que para inventar palabros está o blog-. Un mundo de contornos esluídos. A fotografía de Sara Jess- Lara Bacelo, por exemplo.

Unha repentina categorización que nin sequera sei se resultará operativa.

Máis, pero moito máis non seu cartafol de silencios

24
Mai
08

pinte un bisonte na caverna, por favor V

A primeira cita do 2008 na caverna do Centro On de Caixa Galicia dentro deste ciclo veu da man [enzoufada] do Branda.

download.jpg

Branda, así sen anestesia, é showman. El non o sabe ou importálle un corno. Chego á caverna do Centro On e el xa leva un bo pedazo estilo Popeye perante a pantalla engaiolando, probablemente con mentiras, a un fotógrafo de xornal. Nunca coñecín a ninguén que posase como Branda. Semella recén saído da pantalla que ten detrás. Dunha película. Dun cómic. Dunha lenda mariñeira. Dun libro troquelado para nenos. Para asustar e cautivar nenos.

Do mesmo modo que cautiva en directo, cautiva en lenzo. Ou en madeira. Ou en parede de ladrillo. Branda intoxícase da materia que trata. Onde nos conduce iso? A que en estado de sobriedade dea a impresión de levar unha existencia docemente embriagada, inquisitiva tamén. Branda vive ebrio de si mesmo. E dos materiais cos que traballa. E traballa arreo. Branda cautiva por cautivado. Por ter as pupilas dilatadas. Por mans sucias.

Como xa dixen noutra ocasión, bebe sangue acrílico.

Se botamos un ollo á obra de Branda – e para iso quixen traer á xente ao Centro On, para iso- atoparemos nela unha enorme carnicería. E por carnicería quero dicir humanidade. O pintor deforma tenramente un universo carnal, cárnico, carnavaleiro. Carnívoro. En forma de biombo de contrachapa. De lenzo convencional. De miniatura. É igual. Todo podería decorar un circo. Un camarino. Un prostíbulo. O hall do Rome Cavalieri Hilton.

Gústanos Branda. E dificilísimo que non sexa así.

Na charla – cautivadora outra vez, vehemente- esta imaxe que tendes inmediatamente baixo o parágrafo foi unha das máis sorprendentes: trátase da fotografía dun biombo tallado en madeira dentro do estudio do pintor, pero houbo quen pensou que en realidade era un cadro máis. Ao longo da exposición, Branda amosou unha manchea de cadros, disertou sobre os seus diversos estilos, sobre os seus referentes clásicos [que algún listo sinale a que célebre lenzo emula a 3ª imaxe, a da muller vendo a telenovela], o cromatismo, a composición, a temática e algunha das súas teimas actuais: os interiores de vehículos, por exemplo.

branda2.jpg

Foi un 17 de xaneiro. Non ía moito frío. Ao saír fomos á Nova Pataca. O único local de Coruña que sen dúbida reencarnará en viñeta. Supoño que ese converte no noso espazo natural.

A día de hoxe, Branda ten unha exposición no Hotel Araguaney de Santiago de Compostela ata o 23 de marzo. Cara á parede. O título convídanos a contemplar calugas, pasadores de carei, xente que afasta sen se decatar da nosa ollada espectadora ou ben glúteos coma estes:

branda3.jpg

Para Costumismo, a súa última exposición na Coruña, Branda encargoume un dos 3 prólogos do libro. Foi en abril de 2007, no Casino do Atlántico. Se ides seguir lendo, aquí vai o prólogo, que é un compendio de brandismo:

MALIGNAN OKULON 1.0 SOFTWARE LIBRE DE RECEITA CONTRA O MAL DE OLLO

DOWNLOAD AQUÍ Continuar lendo ‘pinte un bisonte na caverna, por favor V’




vostede está aquí

laboratorio pseudoprivado de textos de

estíbaliz...espinosa

aka moitas

aka ningunha

kalendoscopio

Maio 2008
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  

pola parte de atrás deste texto

Baixo a mecánica zeleste vemos criaturas mecánicas escribindo

Autómatas

Cando nos achegamos, os seus textos din: non vou dicirche nada

nada

nada

Sentímonos decepcionados? Non

A literatura enfróntanos a iso demasiadas veces

a velocidade da luz

Blog Stats

  • 2.182 inxenuos