Arquivo para Agosto 2008

22
Ago
08

pinte un bisonte na caverna, por favor [crónica IX]

O 14 de febreiro de 2008, día de San Valentín e da matanza de San Valentín e do cumpreanos dunha que coñezo non-chamada Valentín, día no que o sol saíu ás 6:16 h. e deitou ás 17:48 h. e, por se fose pouco -urxe que o saiban-,  o día no que o asteroide 385 Ilmatar oculta a estrela HIP 8718 de magnitude 6.9, ese día algúns de nós decidimos fuxir de tanto fenómeno cósmico e gorecernos na caverna do centro On. Por vicio.

imaxe: mina antipersoa

O convidado desta ocasión foi O levantador de minas aka Alfredo Ferreiro. Un home que coñecín como público hai anos, nun recital que el e outros escenificaban na Cova Folk. Naquela época na que cría nas fadas escocesas [nas fadas, non nas faldas] e nos gaiteiros e na people of the mound ou sidhe e en Avalón e no Leabhar Ghabhala, e debuxaba mouras eslamiadas e lamias mordendo con ponzoña as marxes dos apontamentos… a Cova abríase como unha sorte de cripta celta á que acudía en segredo sumo Migueliño Campovello [Mike Oldfield, o chiste NON é meu] e daban concertos privados os integrantes de Capercaillie. Alí, nunha diminuta tarima tras unha vidraza, Alfredo Ferreiro e un colectivo de 6 poetas máis brindaban pola poesía e lían textos cun aquel de platonismo e ebriedade.

Era o máis parecido a unha velada parnasiana que vira nunca.

Naquela altura, eu tamén persuadírame de ser poeta – a causa dun mal escritor e peor amante que coñecera e de varias moreas de folios que gardaba dende a nenez do colexio de monxas- mais por sorte tratouse dunha miraxe do deserto da que creo estar recuperándome, coma un paciente inglés.

Alfredo Ferreiro, co tempo, decidiuse a levantar minas -supoño que anti-persoa, ou talvez de carbón ou grafito- pola rede adiante. O seu impecable labor como divulgador, activista, crítico, xornalista e poeta no seu buque O levantador de minas -subtitulado A literatura, as súas ramas e as súas raíces. Outros sentidos– axiña multiplicouse en eco e a día hoxe a súa é unha das páxinas de referenza do blogomillo.

Alfredo explicou a traxectoria de O levantador de minas, o que o motivou a embarcar nel, a súa actividade como xestor cultural [con proxectos como a coruña son], a mudanza de servidor – arestora en Blogaliza-, mesmo os versos que figuran coma friso de benvida ou inspiración …

Do mesmo modo que a mãe / precisa de filho para ser mãe, / o título precisa de poema / para ser título. Daí este poema.

…e asimesmo a historia desta preciosa foto [encántame como ela cruza as pernas]

historia que vostedes non poden deixar de coñecer, por stevensoniana, por truculenta, por bufonesca  e que lerán completa aquí.

O vindeiro outono, Alfredo publica Metal Central en Espiral Maior. Miren que debuxo abrirao.

Esta foi a segunda sesión dedicada aos blogs dentro do ciclo cavernario.

Advertisements
05
Ago
08

de entre todas as formas de facerche inmortal

 

Cthullu

 

Agora que A Coruña capital está en festas, lembro que unha vez escribínlle [a ela] un texto coma este:

de entre todas as formas de facerche inmortal

 

de entre todas as formas de facerche inmortal

escolleron esta

***

esta páxina. Que arrincarán probablemente

ventos fillastros dos teus

unha folla íntegra destinada a se desintegrar por estrelas cuxa primeira luz arde lonxe todavía

que non suliñarán xamais mans similares a estas

que con alivio será esquecida

como todo é

salvo ese insolente óvulo cósmico onde se repregaba todo antes da nada

incluso a memoria do que aínda non fora

onde nin sequera estabas ti

anaco de terra azoutada, interior de onda en forma de ostra

nin a túa torre nun xadrez extinto

nin o teu revés dun broslado marroquí de zara

nin as túas estrelas, galeras, olmos

nin o petróleo que manchaba as túas luvas de encaixe provinciano, cosido marea a marea

[aquí quen escribe debía dicir algo, preparaba unha metáfora nuclear. Pero asomou á fiestra un intre e esqueceu. Esqueceu de que falar. O guión do que agardaban que dixese]

***

Nos poemas dedicados a un lugar un espera unha confesión

Nesta cidade morrín

Unha enumeración de espazos significativos

Plazuelas, vistas, recunchos, penedos

Mesmo algunha anécdota sentimental

Todos os que amo a día de hoxe viven aquí

E por suposto historia, moita mala historia

Os liberais, os corsarios, a heroína

Pero xa non nos queda nada diso por darche.

Non es unha cidade especial por nada en concreto.

Es unha de tantas.

O vento é o teu habitante máis antigo.

A luz faiche servicial ou industrial.

No teu interior procrean violonchelistas, perruqueiras, asasinos

seguindo as mesmas leis que rexen os nosos átomos.

Non serás máis marabillosa nin máis digna por aparecer neste poema: de todas as formas de facerche inmortal, a máis imperfecta

a máis idiota.

Non es importante. Ninguén que non che habite entenderá

por que te paseamos

por que che dedicamos un libro

ou esta frase: Oh, ti. Si, ti

***

Que parvada, ves? O poema remata

e nin sequera falei de nada: nin mencionei o soño recorrente

de que che engole un tsunami

que me gusta a túa estatua da Unión y el Fénix

ou verche as torres da refinería dende a autoestrada de Arteixo

ou as pedras do dique

ou as fotos antigas co ultramarinos El Sol que abriran os avós

coa Champanera Cantábrica

ou as fotos onde o meu pai sempre é un forasteiro nas túas lousas

e na miña nai gravita unha beleza intocable

e a fiestra onde o meu irmán le Hormigón

o meu pequeno núcleo familiar adorado, atado a ti como a un embigo

o único significativo por diminuto, un punto na estatística poboacional

e ti crecendo

civicamente, europeamente

ao tempo que mingua a posibilidade de escribir palabras novas sobre ti

neste poema que esborrancho entre a vida artística e a familia.

De todos os xeitos de facerche inmortal, este, o menos mediático

este, o menos luminoso

o máis parvo.

Minguando ata os puntos suspensivos.

***

Os puntos suspensivos…

crúas incisións no texto que brindan ao lector

a posibilidade de pechar

un infinito

unha imperfección por tanto

un infinito

2007, Estíbaliz…Espinosa




vostede está aquí

laboratorio pseudoprivado de textos de

estíbaliz...espinosa

aka moitas

aka ningunha

kalendoscopio

Agosto 2008
L M M X V S D
« Xul   Out »
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031

pola parte de atrás deste texto

Baixo a mecánica zeleste vemos criaturas mecánicas escribindo

Autómatas

Cando nos achegamos, os seus textos din: non vou dicirche nada

nada

nada

Sentímonos decepcionados? Non

A literatura enfróntanos a iso demasiadas veces

a velocidade da luz

Blog Stats

  • 2,094 inxenuos