Archive for the 'teátrame' Category

24
Feb
08

calcetade, calcetade, malditas

Pídenme textos. Ás veces, o pretexto para un texto xustifica a súa angustia. Non a compensa, pero a xustifica. Escribir non é angustioso. Éo esixírseo a un mesmo para poder poñerse baixo o rótulo de escritor. Iso é imperdonábel, pedante, todo angustiosamente. Pero a min gústame compracer aos demais. Esas peticións caprichosas e pode que absurdas: fai un texto para isto; e agora para isto outro. Son unha ruleta. No noso cerebro as ruletas poden enferruxar e, cando cremos estar obrando de xeito casual, en realidade seguimos un patrón de pensamento coherente. Custa moitísimo -a cordura toda- ser incoherente. Deixarse levar polo azar. Esa palabra un pouco boba que xustifica tanto sen compensalo.

Pídenme textos, en definitiva, fano. Estou contenta. Son moi educada, moito. Gústame compracer esas constricións caprichosas [e pode que absurdas]. Dedícome con devoción aos textos por encarga e descoido os propios. Son desafíos. En realidade, síntome retada. Constantemente. A que non te atreves? A que non podes? Vivo nesa tensión medieval.

Entón toca matinar sobre as solucións. Sobre historias en prosa, sobre poemas locais, sobre unidades didácticas, sobre poemas visuais. O tempo escóase por entre as pernas. Son as miñas olleiras, esas que me familiarizan coa morte, esas olleiras, as marcas dos textos por facer. Fáltame descanso. Ando malhumorada. Facendo cousas a medias.

Pero contenta, pois fun retada.

É un modus similar a estar vivo.

Xanto coas de teatro. En Cangas, nunha terraza estival de febreiro. Falan dos campos mórficos. Logo imos ao ensaio, chegamos tarde. Bebemos viño co xantar. Temos idades diversas. Todas sobre o escenario, como as 7 fillas dun conto. Mulleres que fan de mulleres con historia. Pero eu prefiro os seus escenarios, as súas tramas, o atrezzo que compran no súper, o que agochan na ultima gaveta, a luz que lles dá directamente no rostro: o por que do fillo de L, o pasado londinense de E, o bruxismo de M, as teimas de S, o por que do fillo da outra L, as inquedanzas de X, a obra de teatro premiada de I…

Hai moito máis que calcetar por aí detrás.

Advertisements
11
Feb
08

simulacra

Entón preparo un personaxe. Entón penso en Ángeles Gulín, extraordinaria potencia vocal que naceu en Ribadavia e foi aclamada en Montevideo.

Ser actor non é nada bo. Na nosa época os actores comportan como aristócratas. A aristocracia xa non procede das xestas militares, nin das xustas medievais.

A aristocracia agora procede da arte da simulación.

E terei un soldo digno. Antes os actores eran pobretóns, pícaros. Soterrados extramuros. Non eran exactamente cidadáns de proveito.

Agora terei un soldo digno pola miña arte de simular. O primeiro contrato que tiven na vida tamén foi como actriz. Seica os soldos máis dignos, ou máis esaxerados, proceden sempre da arte da simulación. Os xerentes de empresa, os políticos, os xuíces e maxistrados, os presentadores de tv as elites… non levan anos cultivando o simulacro como un delicado xardín?

Busco a Ángeles Gulín, sopranísima, unha voz semiesquecida. Entón deixo de escribir isto, e escoito.




vostede está aquí

laboratorio pseudoprivado de textos de

estíbaliz...espinosa

aka moitas

aka ningunha

kalendoscopio

Novembro 2017
L M M X V S D
« Nov    
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930  

pola parte de atrás deste texto

Baixo a mecánica zeleste vemos criaturas mecánicas escribindo

Autómatas

Cando nos achegamos, os seus textos din: non vou dicirche nada

nada

nada

Sentímonos decepcionados? Non

A literatura enfróntanos a iso demasiadas veces

a velocidade da luz

Blog Stats

  • 2,098 inxenuos