Arquivo para Outubro 2008

29
Out
08

pinte un bisonte na caverna, por favor [crónica X]

O 21 de febreiro deste ano en curso, de gracia, de desgracia, quéseieu qué foi para vostedes, algo sería porque así coleccionamos os anos na memoria: o ano no que non pasou nada especial, o annus horribilis, o ano das olimpiadas de Pekín, o ano que Khruschev deu un zapatazo, o ano que o avó caeu vestido ao mar e a lagosta botou a perder o trigo, o ano que se extinguíu o dodo, o ano que a lúa desprendeuse de nós e as órbitas planetarias comezaron a se asemellar ás de hoxe, o ano no que escordei un nocelo e fixen clienta de evax con aquel e desencanto, o ano que nevou en Coruña, os fermosos anos do castigo…

Perdínme.

Este ano 2008 significou algo para vocês. Agora vai máis que mediado, pero o 21 de febreiro aínda era un ano recente, a estrear coma quen di.

Ese día, para o ciclo Pinte un bisonte na caverna, por favor arribou dende o Bierzo Igor Lugrís coa sá intención de nos falar de ovnis. De ovnis e de isoglossas. É dicir, da súa páxina persoal en rede e dos proxectos que alimenta dende alí, dende ese alí que non é exactamente aquí pero que é máis aquí que moitos outros aquís.

Igor Lugrís caracterízase por ser home de artefactos. Por exemplo, Mongólia, un dos libros máis retranqueiros e corrosivos da poesía de hais uns anos sobrevive, ademais de como libro en artefacto editorial, como artefacto per se. Razón aquí.

Hai pouco, por acolá, confesou a perda dun libro do que é autor titulado Nunca um helicóptero. Iso xa é nome de artefacto, queiras ou non. Dende que marchou ao Berzo, Igor atopou a escusa ideal para incriminar ao servizo postal que leva e trae obxectos entre ambos confíns do recanto galaico. En virtude dese puntual servizo, hai uns meses recibía no meu buzón esta espléndida xoia pop-artefacta:

Trátase dun dos moitos artefactos de Igor. Unha exposición de cartaces elaborados por el mesmo a partir de versos propios e alleos e fotos e debuxos tirados da rede. No mesmo buzón desembocaron, procedentes de Ponferrada, colantes, poemas soltos, tarxetas de convite e libros. O último, O Livro das Confusons, edicións Infinitas [artefacto?], Ponferrada, 2007.

Aquela tarde do 21 de febreiro da que non lembro se chovía ou non, no Centro On de Caixa Galicia Igor repasou as súas orixes blogueiras, o que procura na rede, o que ofrenda no seu blog [o que ofrenda e non o que ofrece porque dende un blog un ofréndase] e o que alenta dende el con seguinte mascarón de proa: Defende a cultura: Cópia todo o que saibas, todo o que podas, todo o que queiras.

En tanto que el falaba, na penumbra das butacas eu perfilaba a seguinte sentenza mental: se houbesemos dividir os poetas e escritores entre aqueles que aspiran a vivir pasivamente do que escriben [funcionarios, no peor sentido do termo; autocompracentes, no peor sentido do adxectivo] e aqueloutros que aspiran a vivir activamente do que escriben, os cuestionadores, os que argallan, os que non toman iniciativas de segunda man… Igor vai estar dentro destes últimos, e diso non me cabe dúbida. En moitos sentidos, o seu xeito de estar no mundo é concibido coma un combate e é esa a actitude, levada coa intelixencia e o humor con que el o fai, a garantía dunha dose fabulosa de experimento + ironía. Esas pequenas doses en forma de artefacto, colante, convocatoria cibernética, colaxe ou cartaz que lle vimos coñecendo dende hai xa varios anos. Continuar lendo ‘pinte un bisonte na caverna, por favor [crónica X]’

Advertisements
07
Out
08

sindri, cuarto de revelado

Post aparecido no fotolog de acriatura o 30 de maio de 2007

Vai contra a súa relixión inuit saír nas fotos. Non porque lle rouben a alma [que non ten, ela é pagana] senón porque lle quitan a posibilidade de ser a artífice da foto, que é para o que verdadeiramente veu a esta Terra.

Coñecímonos no inverno do 93 e no verán xa me estaba sacando fotos na miña casa. Creo que ten unha grave adicción

Cousas que podo dicir dela:

1.-fuma
2.-fai espectaculares tartas de chocolate con galleta
3.-ten ducias de amigos [eses seres tan útiles nas mudanzas…]
4.-é alérxica á amoxicilina
5.-gústalle o francés [o idioma]
6.-ten un rato que se chama Pérez [ela di que é un hámster]
7.-ten unha cadela que mexou na miña antiga casa
8.-as dúas adorábamos liarnos Drum e beber bourbon e tomar tés no Universal e rirnos nas clases de Vicente e gravar cintas infames cantando coplas ou entrevistando a Carolina
9.-nunca nos gustou o mesmo tipo [cousa rara entre amigas] nin lembro que se nos sincronizara a regla
10.-non conduce
11.-unha vez fixémoslle unha festa sorpresa de cumpreanos
12.-unha vez fíxoma ela a min
13.-non podemos prestarnos roupa nin zapatos
14.-non soporta que remexan nas súas cousas
15.-non lembro que nos enfadásemos moito nunca
16.-fixo unha curtametraxe dun glíglico de Cortázar
17.-saía do público na primeira obra de teatro na que participei. Tiña que berrar: ¡Oiga, que yo no soy ficticia!
18.-teño un regalo para ela i ela non o sabe
19.-é xenerosa
20.-é miss lunatic
21.-foi vj en Le Club
22.-sempre dubida dun talento que sabe que posúe
23.-viviu en Madrid
24.-coñece Cuenca
25.-cartea cun curmán de Icíar Bollaín
26.-fuma [ deixárao pero volveu]
27.-a primeira vez que fun a unha nudista foi con ela e cos tropecentos amigos do seu irmán
28.-ten gusto en audiovisual, decoración, en fotografía, vestindo e elixindo amizades [!]
29.-tivo estes pósters: un dos Deltonos, un dos Enemigos, un dunha tipa nunha escaleiras, un de Amèlie en xaponés…
30.-foi castaña, pelirroxa, loira, rizada, lisa, con flequillo, a lo garçon…
31.-cando tiña ansiedade cambiaba os mobles da súa habitación
32.-a súa bisavoa, a cupletista, non entende que a súa bisneta non queira saír nas fotos, co ben que posaba ela mirándose o escote con picardía
33.-sempre me fala de xente que non coñezo
34.-ao principio do Patachim non saiamos de alí
35.-gardo algunhas das súas conversas no messenger
36.-é querible
37.-vive tres ou catro pics máis á dereita

38.-nunca me perdoará esta radiografía. Ou tal vez si. É magnánima

02
Out
08

sabedoría

Oxalá. Oxalá non soubese o que sei




vostede está aquí

laboratorio pseudoprivado de textos de

estíbaliz...espinosa

aka moitas

aka ningunha

kalendoscopio

Outubro 2008
L M M X V S D
« Ago   Nov »
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

pola parte de atrás deste texto

Baixo a mecánica zeleste vemos criaturas mecánicas escribindo

Autómatas

Cando nos achegamos, os seus textos din: non vou dicirche nada

nada

nada

Sentímonos decepcionados? Non

A literatura enfróntanos a iso demasiadas veces

a velocidade da luz

Blog Stats

  • 2,094 inxenuos