Archive for the 'textos de encarga' Category

05
Ago
08

de entre todas as formas de facerche inmortal

 

Cthullu

 

Agora que A Coruña capital está en festas, lembro que unha vez escribínlle [a ela] un texto coma este:

de entre todas as formas de facerche inmortal

 

de entre todas as formas de facerche inmortal

escolleron esta

***

esta páxina. Que arrincarán probablemente

ventos fillastros dos teus

unha folla íntegra destinada a se desintegrar por estrelas cuxa primeira luz arde lonxe todavía

que non suliñarán xamais mans similares a estas

que con alivio será esquecida

como todo é

salvo ese insolente óvulo cósmico onde se repregaba todo antes da nada

incluso a memoria do que aínda non fora

onde nin sequera estabas ti

anaco de terra azoutada, interior de onda en forma de ostra

nin a túa torre nun xadrez extinto

nin o teu revés dun broslado marroquí de zara

nin as túas estrelas, galeras, olmos

nin o petróleo que manchaba as túas luvas de encaixe provinciano, cosido marea a marea

[aquí quen escribe debía dicir algo, preparaba unha metáfora nuclear. Pero asomou á fiestra un intre e esqueceu. Esqueceu de que falar. O guión do que agardaban que dixese]

***

Nos poemas dedicados a un lugar un espera unha confesión

Nesta cidade morrín

Unha enumeración de espazos significativos

Plazuelas, vistas, recunchos, penedos

Mesmo algunha anécdota sentimental

Todos os que amo a día de hoxe viven aquí

E por suposto historia, moita mala historia

Os liberais, os corsarios, a heroína

Pero xa non nos queda nada diso por darche.

Non es unha cidade especial por nada en concreto.

Es unha de tantas.

O vento é o teu habitante máis antigo.

A luz faiche servicial ou industrial.

No teu interior procrean violonchelistas, perruqueiras, asasinos

seguindo as mesmas leis que rexen os nosos átomos.

Non serás máis marabillosa nin máis digna por aparecer neste poema: de todas as formas de facerche inmortal, a máis imperfecta

a máis idiota.

Non es importante. Ninguén que non che habite entenderá

por que te paseamos

por que che dedicamos un libro

ou esta frase: Oh, ti. Si, ti

***

Que parvada, ves? O poema remata

e nin sequera falei de nada: nin mencionei o soño recorrente

de que che engole un tsunami

que me gusta a túa estatua da Unión y el Fénix

ou verche as torres da refinería dende a autoestrada de Arteixo

ou as pedras do dique

ou as fotos antigas co ultramarinos El Sol que abriran os avós

coa Champanera Cantábrica

ou as fotos onde o meu pai sempre é un forasteiro nas túas lousas

e na miña nai gravita unha beleza intocable

e a fiestra onde o meu irmán le Hormigón

o meu pequeno núcleo familiar adorado, atado a ti como a un embigo

o único significativo por diminuto, un punto na estatística poboacional

e ti crecendo

civicamente, europeamente

ao tempo que mingua a posibilidade de escribir palabras novas sobre ti

neste poema que esborrancho entre a vida artística e a familia.

De todos os xeitos de facerche inmortal, este, o menos mediático

este, o menos luminoso

o máis parvo.

Minguando ata os puntos suspensivos.

***

Os puntos suspensivos…

crúas incisións no texto que brindan ao lector

a posibilidade de pechar

un infinito

unha imperfección por tanto

un infinito

2007, Estíbaliz…Espinosa

Advertisements
20
Feb
08

…mmmm… mil monos marchan

Igor Lugrís, un señor que se dedica no seu lecer a poñerlle constricións aos que se chaman poetas, desafía ao universo dende o seu blog.

Primeiro foi o do cadaver exquisito. Unha morea de versos chuzados dende todos os recantos do globo, dior me perdoe o sutil paradoxo. Non contento coa proeza, agora ínstanos, tal cal faría Perec dende a tumba [non Peret dende a rumba, non se me confundan] a argallar un poema ou queseieuoqué no que cada palabra que vostede enxendre no seu neocórtex comece coa mesma letra. Todas as palabras coa mesma? Todas, si. E logo por que? Ah, amigo. Se non queres xogar, non xogues. Pero non veñas augar a festa.

Unha especie de agotemos as posibilidades do alfabeto. I eu creo nese tipo de máximas absurdas como salvación humana, así que…

…cerebralmente condicionada coa carismática constrición, consonte comigo, cismei con curiosidade. Coño. Carallo. Veleiquí vos vai:

MIL MONOS MARCHAN

Máis marcianos
Menos musas
Máis mutación medular manifesta
Menos mentiras maxistradas. Militares. Monárquicas. Mitradas
Máis máscaras mordaces
Máis malva matutino
Menos mans moinantes manipulando multitudes
Máis marusía, moita marusía
Menos mandaríns marcadamente mediáticos
Máis mutismo
Menos música metade mediocre metade merda
Máis metabolismo máxico
Menos mileuristas muxindo ministerios macrocéfalos
Menos magnates miserábeis
Máis Marilyn Monroe
Menos mínimos
Menos matrimonios
Máis Marlene, Matahari, Murasaki
Máis mímese
Menos morbo médico
Máis michos, máis meigallos
Máis Moebius, Miguelanxo, Modigliani
Máis máquinas milagreiras
Máis maelstrom, menos marines
Menos munición mellorando mutilacións
Menos medios maquiavelos
Máis mentiras mitolóxicas
Máis mais
Máis Marx
Menos mundo
Máis M31
Menos M30
Menos memorias, máis mnemosine
Menos mulleres mesmamente misóxinas
Máis migracións menos mortificantes
Máis moléculas mollando margaridas
Menos modestia moderna mixtificada
Máis monstros mariños
Máis Maruja Mallo
Menos mitins
Menos mal
Máis mimo
Máis misterio

E…E 2008

 

Por que me miran así? E logo que esperaban rexentando un bloj chamado …mmmm… cal madame?

estidiana.jpg

 

imaxe: polaroide auténtica. O demo é da nenez. O bico é falso

Coidado. Agora ameazo co W o Y e o Z. Os que ninguén quere…

Datos de interese: vivivos no tempo dos fenómenos cósmicos paranormais. Polo visto, sobrevoan as noas insensatas cabeciñas nubes polares inzadas de ácido nítrico que, lonxe de presentar un aspecto sulfúrico ou radiactivo, collen un aquel de madreperla, nácara, tornasol boreal que as fai interesantes a mazo. Persoalmente, espero que chova.

Tamén, se se fixan ben e practican o insomnio, poderán ser testemuñas dun eclipse de lúa, mañá de madrugada…

Mirando ao ceo un atopa de todo. Salvo o por que da terra.

 

 




vostede está aquí

laboratorio pseudoprivado de textos de

estíbaliz...espinosa

aka moitas

aka ningunha

kalendoscopio

Setembro 2017
L M M X V S D
« Nov    
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930  

pola parte de atrás deste texto

Baixo a mecánica zeleste vemos criaturas mecánicas escribindo

Autómatas

Cando nos achegamos, os seus textos din: non vou dicirche nada

nada

nada

Sentímonos decepcionados? Non

A literatura enfróntanos a iso demasiadas veces

a velocidade da luz

Blog Stats

  • 2,094 inxenuos