Archive Page 2

03
Xul
08

pinte un bisonte na caverna, por favor [crónica VIII]

Pinte un bisonte na caverna, por favor, para os que acaban de chegar ou residen en Macedonia, consistíu nun ciclo no que se deron cita artistas procedentes de eidos diversos que gravitan arredor do audiovisual: vídeo, pintura, fotografía, vídeoclips, vídeoarte, blogs… O último xoves de xaneiro, o 31, a sesión volveu ser dobre e con dous convidados especiais para min.

Noemí Cubillo é unha fotógrafa e deseñadora nacida en Madrid. Coñecina no contexto ás veces algo violento profesora-alumna. É dicir, por forza non nos pasamos inadvertidas a unha á outra. No caso de Noemí, pasar inadvertida debe de ser unha utopía: trátase dunha muller cristalina, belísima, que se exercita no paradoxo de se agochar tras o clic dunha cámara no canto de poñerse diante.

a fotógrafa Noemí Cubillo

Na caverna do centro On de Caixa Galicia repasou a súa obra, os seus claroscuros, a súa sensibilidade para captar retratos e entornos inquietantes. É moi nova Noemí. Verdadeiramente, unha desas persoas que supón un luxo coñecer. Mesmo como pupila.

imaxe de Noemí Cubillo

Son disparos seus as fotos da cabeceira deste blog. Pola súa minimalista páxina web, buceade.

Adrián Figueroa é outro exemplo de encontro na terceira fase. Neste caso, a través do fotolog, ese sistema de comunicación con fotos que en moitas ocasións non pasan dun carrusel de primeiros planos de xente borracha queimada con flash. O de Adrián aka Onionboy non era así, nin moito menos, senón que aproveitaba a ferramenta da web 2.0 para pendurar os seus debuxos fantásticos, ilustracións dalgunha especie de universo paralelo da constelación Moebius.

Debuxos moi elegantes, oníricos, flotantes. Ilustracións para un libro de contos á deriva.

onionboy

debuxo de Adrián Figueroa

Adrián expuso nunha pequena charla, que abríu cunha pequena animación, o seu traballo e o seu estilo de traballo: simple, pouco metódico, de trazos sinxelos e un pouso imaxinario.

Podedes seguirlle o rastro ao seu fértil fotolog se dades un saltiño no hiperespacio ata

aquí

Advertisements
24
Xuñ
08

un texto diminuto nun mail perdido

Un email de hai varios anos, dirixido a uncalquera, grande amigo.
Ola, Pánfilo (había un tipo, Pánfilo de Narváez, así que nome propio e todo),
O soneto de AA: non está mal. Correcto. Correto, como diríamos, máis ben. Pero non me emociona. Desde Quevedo “cerrar podrá mis ojos…etc” hai poucos sonetos que xa me digan nada. A perfeción formal, as contas silábicas ben levadas, todas esas cadraturas…non me conmoven nadiña. Eran como andamios para os séculos pasados. Innecesarios hoxe…[necesarios talvez mañá?]
A pizarra dos haikus, pois non a lin toda aínda, pero si direiche que me gustou moito un de nonseiquén sobre un caracol como un iglú sobre unha seca sabana. Pareceume moi
lindo mesturar así os climas…
Que máis? Recoméndoche a unha tipa que coñezo pouco, mais me intriga moito: Sofia Rhei. Ela di que un tipo xaponés do século VIII dixo isto:
“Llevo en los bolsillos pequeños cristales, trozos de espejo: a veces, los engancho a las telas de araña.
Quien pasa y lo ve, piensa que acaba de llover”
Penso que en realidade trátase dun texto dela. Paréceme un candor.
Sofia Rhei: búscaa en http://fotolog.net/labellavarsovia
Aí publicaron o seu primeiro libro.
Bicas truhanas,
Imaxe: Lectorramificada. Pablo Gallo.
Datos de interese: Non son unha gran leitora de haikus. Non son unha gran leitora de nada. Uncalquera si o é. Presenteille os haikus e el conquistounos, levounos á cama e fíxolles de todo. Pode dicirse que cambiaron a súa vida ou, para ser máis xustos, a súa forma de estar no mundo. De cando en vez pídeme opinións sobre o que le. Sobre o que leo.
Confórmase con ser imprescindible.
Descoñece o feito de que eu estou desconcertada coa literatura, con iso de plasmarse en letras, de estamparse nun papel branco para dicir Aquí estou. Oh, isto que vos conto. Oh, a miña sensibilidade. Oh, o meu inxenio. Oh, a miña náusea. E que levo moitos anos xa perplexa. Por iso non son quen de escribir nada. Porque resúltame doloroso confrontarme coa estíbaliz nena que escribía sen problemas, débedas, atencións.
Avergónzame escribir. Ten que ser perfecto. Non o considero lexítimo se non. Non o considero lícito. Escribir ten que ser un acto necesario, preciso sobre o mundo. Ha de existir ese pequeno desgarro, ese diminuto desangrarse que comporta todo o necesario, o preciso sobre o mundo.
Os humanos e os electróns parecémonos nun detalle turbador e algo friki: os dous somos demasiado impresionábeis ao feito físico de sermos observados.
31
Mai
08

figura

Un texto pertencente á serie de textos carboníferos, anteriores a 1997.

figura histórica anónima

Criei en mans de veleidosas nodrizas.
Os cónsules aromatizaban con talco a súa impericia,
os seus ventres castigados
a estancia do tempo nas súas meixelas
os seus ollos coma orbes sepultadas.
Nada me aprenderon do amor.
En troques, todo canto sei
de guerra
a eles débollo.
Das nodrizas gardo un arrecendo denso
e cada particularidade dos seus xeonllos.
O sardónico sorriso dos cónsules.
O seu xogo axitado e nervioso
propio de perdedores.
A súa inqueda astucia.
Caín coma un rei no seu taboleiro.
A miña fronte aberta na madeira paríu un novo imperio.
A cobiza dos homes é a mesma
só cambian a pericia e o momento.
E xa o meu nome mármore?
Son xa as letras nun libro?
Alguén estúdiame e recítame nunha clase.
Fóra chove,
como nos poemas.

24
Mai
08

pinte un bisonte na caverna, por favor [crónica VI]

lara

O día 24 de xaneiro veu Sara Jess ao ciclo este dos bisontes. Sara Jess, pseudónimo de Lara Bacelo. Presentou varias das súas brillantes propostas en vídeo: primeiro con Turi, unha conversa baixo a forma de monólogo dun home peculiarmente reflexivo, desinhibido, diagnosticado. De. Esquizofrenia. Conversas con Deus.

A conversa deixa momentaneamente pranchada á audiencia.

Lara devólvenos o pulso pinchando varios vídeopoemas nos que pestanexa a súa ollada algo turbia non sei se por nostalxia, por saudade, por inocencia que se é consciente de estar abandonando. Son fragmentos atravesados. Non sei moi ben de que.

Rotos. Non sei moi ben por que.

territorios [o stage6 pechou, así que non sei onde se poderá conseguir]

fuxida

carta dun domingo pola tarde

Por suposto, gústannos. Moitísimo.

Na butaca sentadiña penso. Non moito. Non é san. Pero vouno compartir: penso que a imaxe e a fotografía seguen dúas vertentes:

  • a vertente brillante, a da imaxe de alta definición, enormemente agresiva porque imprime ante os nosos ollos cousas que non estaban aí, cousas que nós non vimos. A fotografía que mellora o mundo. Un mundo de contornos idealizados. A fotografía exultante de técnica. David LaChapelle oucomoseescriba por exemplo.
  • a vertente opaca, a que trata de interpoñer pó ou tempo [son, e logo non, a mesma cousa] entre nós e a imaxe, a fotografía turbia, algo rachada, manchada. A fotografía tímida. Que, á fin, tamén nos amosa un mundo que nós non vimos. Que non estaba aí. Unha imaxe arcaizada -que para inventar palabros está o blog-. Un mundo de contornos esluídos. A fotografía de Sara Jess- Lara Bacelo, por exemplo.

Unha repentina categorización que nin sequera sei se resultará operativa.

Máis, pero moito máis non seu cartafol de silencios

24
Mai
08

pinte un bisonte na caverna, por favor V

A primeira cita do 2008 na caverna do Centro On de Caixa Galicia dentro deste ciclo veu da man [enzoufada] do Branda.

download.jpg

Branda, así sen anestesia, é showman. El non o sabe ou importálle un corno. Chego á caverna do Centro On e el xa leva un bo pedazo estilo Popeye perante a pantalla engaiolando, probablemente con mentiras, a un fotógrafo de xornal. Nunca coñecín a ninguén que posase como Branda. Semella recén saído da pantalla que ten detrás. Dunha película. Dun cómic. Dunha lenda mariñeira. Dun libro troquelado para nenos. Para asustar e cautivar nenos.

Do mesmo modo que cautiva en directo, cautiva en lenzo. Ou en madeira. Ou en parede de ladrillo. Branda intoxícase da materia que trata. Onde nos conduce iso? A que en estado de sobriedade dea a impresión de levar unha existencia docemente embriagada, inquisitiva tamén. Branda vive ebrio de si mesmo. E dos materiais cos que traballa. E traballa arreo. Branda cautiva por cautivado. Por ter as pupilas dilatadas. Por mans sucias.

Como xa dixen noutra ocasión, bebe sangue acrílico.

Se botamos un ollo á obra de Branda – e para iso quixen traer á xente ao Centro On, para iso- atoparemos nela unha enorme carnicería. E por carnicería quero dicir humanidade. O pintor deforma tenramente un universo carnal, cárnico, carnavaleiro. Carnívoro. En forma de biombo de contrachapa. De lenzo convencional. De miniatura. É igual. Todo podería decorar un circo. Un camarino. Un prostíbulo. O hall do Rome Cavalieri Hilton.

Gústanos Branda. E dificilísimo que non sexa así.

Na charla – cautivadora outra vez, vehemente- esta imaxe que tendes inmediatamente baixo o parágrafo foi unha das máis sorprendentes: trátase da fotografía dun biombo tallado en madeira dentro do estudio do pintor, pero houbo quen pensou que en realidade era un cadro máis. Ao longo da exposición, Branda amosou unha manchea de cadros, disertou sobre os seus diversos estilos, sobre os seus referentes clásicos [que algún listo sinale a que célebre lenzo emula a 3ª imaxe, a da muller vendo a telenovela], o cromatismo, a composición, a temática e algunha das súas teimas actuais: os interiores de vehículos, por exemplo.

branda2.jpg

Foi un 17 de xaneiro. Non ía moito frío. Ao saír fomos á Nova Pataca. O único local de Coruña que sen dúbida reencarnará en viñeta. Supoño que ese converte no noso espazo natural.

A día de hoxe, Branda ten unha exposición no Hotel Araguaney de Santiago de Compostela ata o 23 de marzo. Cara á parede. O título convídanos a contemplar calugas, pasadores de carei, xente que afasta sen se decatar da nosa ollada espectadora ou ben glúteos coma estes:

branda3.jpg

Para Costumismo, a súa última exposición na Coruña, Branda encargoume un dos 3 prólogos do libro. Foi en abril de 2007, no Casino do Atlántico. Se ides seguir lendo, aquí vai o prólogo, que é un compendio de brandismo:

MALIGNAN OKULON 1.0 SOFTWARE LIBRE DE RECEITA CONTRA O MAL DE OLLO

DOWNLOAD AQUÍ Continuar lendo ‘pinte un bisonte na caverna, por favor V’

15
Abr
08

hikikomori

Estes días atopei o significado da palabra hikikomori.

Por fin podo catalogarte, G.

11
Mar
08

os poemas da bela adormecida

No ano 2002 publiquei un libro estraño, -orama. Estraño porque foi inesperado, mesmo para min. Inserido nese corpus de textos que falaban sobre ollos, meteoroloxía ou cosmonáutica ían os Poemas da Bela Durminte. A convalecencia dunha visión do mundo que me resistía a deixar: a dos contos de fadas. E sobre todo, unha resposta ao feminismo monolítico. A bela era bestia. A muller, sen dúbida, varón.
Grazas a unha vella amiga e aos requerimentos de alguén que vive en Zagreb, un deses textos que compoñen o dobre díptico da bela adormecida tamén existe en injlés.
De seguido, a versión anglosaxona e logo a serie de 4 textos Os poemas da Bela Durminte.
Só para lunáticos. Só para fanáticos. Só para funambulistas.

 

t h e b e a u t y c a l l s h e r s e l f b e a s t

lacking a middle way

from brothel to palace

from venus´ s bath to leprosy

from lilith to saint therese

from procuress to lady of the unicorn

from beatrix to meretrix from line to dot from temple to sand

from hipatia of alexandria to dust

from telescope to comet

from rita hayworth to the regenta

from white goddess to big swine

fox, snake, weasel

hag, bitch, doe, she-wolf

lone circe

with its hollow in the tide

from all the names of mr cohen

to all the films by mr allen

from the reverend´ s daughter to lesbia of ours

from the fairy melusine to mesalina

to mescaline and sweet neus

between opposites i live and love because my reason has no reason on earth

i was born a tear not knowing what i was doing here

i was born a beast with no mirror

with no frames of this kind

a mock of mediocrity

a she-machiavelli between reason of state and the rotten apple in the barrel

from berenice to ligeia

from belladonna to odalisque

valkyrie geisha

concubine

mare breaking into a square oneiric state

from here to there from up going down

from it to she

and she-snake

she-egg

she-sperm

she-soul

she-fire

going on endlessly

intensely

Continuar lendo ‘os poemas da bela adormecida’




vostede está aquí

laboratorio pseudoprivado de textos de

estíbaliz...espinosa

aka moitas

aka ningunha

kalendoscopio

Setembro 2017
L M M X V S D
« Nov    
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930  

pola parte de atrás deste texto

Baixo a mecánica zeleste vemos criaturas mecánicas escribindo

Autómatas

Cando nos achegamos, os seus textos din: non vou dicirche nada

nada

nada

Sentímonos decepcionados? Non

A literatura enfróntanos a iso demasiadas veces

a velocidade da luz

Blog Stats

  • 2,094 inxenuos