24
Feb
08

pinte un bisonte na caverna, por favor IV

Aconteceu o 20 de decembro. A sala-caverna encheu.

As convidadas foron dúas. As dúas fotógrafas. As dúas manipuladoras das fotos. As dúas moi novas. As dúas cun talento e un estilo claros, irrebatíbeis. As dúas chegaron aos meus ollos antes que aos meus oídos a través de internet. Chegar a elas pola casualidade, tirando do fío de Ariadna.

A primeira en expoñer foi Pequena Suricata, pousada no mundo real como Elba. Elba Fernández. Xa falei aquí do seu onirismo. Do seu punto de vista manchado. Empañado. Hibridado con certa melancolía fantástica.

Silence?

A súa posta en escena foi silenciosa e por silenciosa, intensa: unha presentación en vídeo [aquí podedes ver e escoitar un fragmento] con música seleccionada, mais unha escolma de fotografías con textos. Tivo a delicadeza dos magos que amosan os seus trucos e no vídeo inseríu un making-off case paso a paso dunha das metamorfoses das súas creacións, dende a foto orixinal ata o resultado final.

Elba non practica a diafanidade. Prefire recluírse no palimpsesto fotográfico, na imaxe riscada na que por baixo aparece outra imaxe e debaixo outra e debaixo outra. Será por iso que o exercicio de perderse nas súas fotos promete achádegas diminutas en recunchos aparentemente homoxéneos co todo. Resolve con fantasía xogos de palabras transmutados en imaxe. Superpón. Ordena. Autorretrata. Todo cun compás submariño, cun aquel de alga ou estatua.

A outra convidada, Rebeca Saray Gude, emprega o pseudónimo Dosismortal. Abraiantemente prolífica, Dosis desenvolve unha iconografía de temas, texturas e escenarios propios do goth. Os seus retratos son tan plásticos que confunden ao espectador. Tan crus porque perturban. O curioso de Dosis é que, lonxe de ficar nese ámbito de pose sinistra, gore, explora outras temáticas tamén marxinais cunha sinxeleza aparente: series de vellos, do cárcere de Carabanchel ou retratos eróticos en contextos derruidos, sucios. Ten un selo bastante claro malia que, como asegurou mentres pintaba o seu persoal bisonte na caverna, leve pouco máis dun ano nisto da fotografía. Pero os seus retoques son sempre contrastados, limpos, como se lle pasara un escalpelo ao ruído da imaxe.

Black Butterfly

Ás veces lémbrame a algo circense, estrondoso e non sen certa maxestade, o cal pode chocar. Tamén é sorprendente a cantidade de modelos espectaculares que consegue. Ou seica a espectacularidade resida, precisamente, no tratamento da fotografía.

Na presentación optou tamén polo vídeo, deunos un paseo pola súa galería multitudinaria de flickr e falounos un chisco dos seus estudos en Madrid. Da súa morriña.

Disfrutade delas por aquí e por alá e seica por acolá.


0 Respostas to “pinte un bisonte na caverna, por favor IV”



  1. Deixar un comentario

Deixar un comentario


vostede está aquí

laboratorio pseudoprivado de textos de

estíbaliz...espinosa

aka moitas

aka ningunha

kalendoscopio

Febreiro 2008
L M M X V S D
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
2526272829  

pola parte de atrás deste texto

Baixo a mecánica zeleste vemos criaturas mecánicas escribindo

Autómatas

Cando nos achegamos, os seus textos din: non vou dicirche nada

nada

nada

Sentímonos decepcionados? Non

A literatura enfróntanos a iso demasiadas veces

a velocidade da luz

Blog Stats

  • 2.181 inxenuos