20
Feb
08

…mmmm… mil monos marchan

Igor Lugrís, un señor que se dedica no seu lecer a poñerlle constricións aos que se chaman poetas, desafía ao universo dende o seu blog.

Primeiro foi o do cadaver exquisito. Unha morea de versos chuzados dende todos os recantos do globo, dior me perdoe o sutil paradoxo. Non contento coa proeza, agora ínstanos, tal cal faría Perec dende a tumba [non Peret dende a rumba, non se me confundan] a argallar un poema ou queseieuoqué no que cada palabra que vostede enxendre no seu neocórtex comece coa mesma letra. Todas as palabras coa mesma? Todas, si. E logo por que? Ah, amigo. Se non queres xogar, non xogues. Pero non veñas augar a festa.

Unha especie de agotemos as posibilidades do alfabeto. I eu creo nese tipo de máximas absurdas como salvación humana, así que…

…cerebralmente condicionada coa carismática constrición, consonte comigo, cismei con curiosidade. Coño. Carallo. Veleiquí vos vai:

MIL MONOS MARCHAN

Máis marcianos
Menos musas
Máis mutación medular manifesta
Menos mentiras maxistradas. Militares. Monárquicas. Mitradas
Máis máscaras mordaces
Máis malva matutino
Menos mans moinantes manipulando multitudes
Máis marusía, moita marusía
Menos mandaríns marcadamente mediáticos
Máis mutismo
Menos música metade mediocre metade merda
Máis metabolismo máxico
Menos mileuristas muxindo ministerios macrocéfalos
Menos magnates miserábeis
Máis Marilyn Monroe
Menos mínimos
Menos matrimonios
Máis Marlene, Matahari, Murasaki
Máis mímese
Menos morbo médico
Máis michos, máis meigallos
Máis Moebius, Miguelanxo, Modigliani
Máis máquinas milagreiras
Máis maelstrom, menos marines
Menos munición mellorando mutilacións
Menos medios maquiavelos
Máis mentiras mitolóxicas
Máis mais
Máis Marx
Menos mundo
Máis M31
Menos M30
Menos memorias, máis mnemosine
Menos mulleres mesmamente misóxinas
Máis migracións menos mortificantes
Máis moléculas mollando margaridas
Menos modestia moderna mixtificada
Máis monstros mariños
Máis Maruja Mallo
Menos mitins
Menos mal
Máis mimo
Máis misterio

E…E 2008

 

Por que me miran así? E logo que esperaban rexentando un bloj chamado …mmmm… cal madame?

estidiana.jpg

 

imaxe: polaroide auténtica. O demo é da nenez. O bico é falso

Coidado. Agora ameazo co W o Y e o Z. Os que ninguén quere…

Datos de interese: vivivos no tempo dos fenómenos cósmicos paranormais. Polo visto, sobrevoan as noas insensatas cabeciñas nubes polares inzadas de ácido nítrico que, lonxe de presentar un aspecto sulfúrico ou radiactivo, collen un aquel de madreperla, nácara, tornasol boreal que as fai interesantes a mazo. Persoalmente, espero que chova.

Tamén, se se fixan ben e practican o insomnio, poderán ser testemuñas dun eclipse de lúa, mañá de madrugada…

Mirando ao ceo un atopa de todo. Salvo o por que da terra.

 

 

Advertisements

0 Responses to “…mmmm… mil monos marchan”



  1. Deixar un comentario

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


vostede está aquí

laboratorio pseudoprivado de textos de

estíbaliz...espinosa

aka moitas

aka ningunha

kalendoscopio

Febreiro 2008
L M M X V S D
« Xan   Mar »
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
2526272829  

pola parte de atrás deste texto

Baixo a mecánica zeleste vemos criaturas mecánicas escribindo

Autómatas

Cando nos achegamos, os seus textos din: non vou dicirche nada

nada

nada

Sentímonos decepcionados? Non

A literatura enfróntanos a iso demasiadas veces

a velocidade da luz

Blog Stats

  • 2,098 inxenuos

%d bloggers like this: