O 21 de febreiro deste ano en curso, de gracia, de desgracia, quéseieu qué foi para vostedes, algo sería porque así coleccionamos os anos na memoria: o ano no que non pasou nada especial, o annus horribilis, o ano das olimpiadas de Pekín, o ano que Khruschev deu un zapatazo, o ano que o avó caeu vestido ao mar e a lagosta botou a perder o trigo, o ano que se extinguíu o dodo, o ano que a lúa desprendeuse de nós e as órbitas planetarias comezaron a se asemellar ás de hoxe, o ano no que escordei un nocelo e fixen clienta de evax con aquel e desencanto, o ano que nevou en Coruña, os fermosos anos do castigo…
Perdínme.
Este ano 2008 significou algo para vocês. Agora vai máis que mediado, pero o 21 de febreiro aínda era un ano recente, a estrear coma quen di.
Ese día, para o ciclo Pinte un bisonte na caverna, por favor arribou dende o Bierzo Igor Lugrís coa sá intención de nos falar de ovnis. De ovnis e de isoglossas. É dicir, da súa páxina persoal en rede e dos proxectos que alimenta dende alí, dende ese alí que non é exactamente aquí pero que é máis aquí que moitos outros aquís.
Igor Lugrís caracterízase por ser home de artefactos. Por exemplo, Mongólia, un dos libros máis retranqueiros e corrosivos da poesía de hais uns anos sobrevive, ademais de como libro en artefacto editorial, como artefacto per se. Razón aquí.
Hai pouco, por acolá, confesou a perda dun libro do que é autor titulado Nunca um helicóptero. Iso xa é nome de artefacto, queiras ou non. Dende que marchou ao Berzo, Igor atopou a escusa ideal para incriminar ao servizo postal que leva e trae obxectos entre ambos confíns do recanto galaico. En virtude dese puntual servizo, hai uns meses recibía no meu buzón esta espléndida xoia pop-artefacta:
Trátase dun dos moitos artefactos de Igor. Unha exposición de cartaces elaborados por el mesmo a partir de versos propios e alleos e fotos e debuxos tirados da rede. No mesmo buzón desembocaron, procedentes de Ponferrada, colantes, poemas soltos, tarxetas de convite e libros. O último, O Livro das Confusons, edicións Infinitas [artefacto?], Ponferrada, 2007.
Aquela tarde do 21 de febreiro da que non lembro se chovía ou non, no Centro On de Caixa Galicia Igor repasou as súas orixes blogueiras, o que procura na rede, o que ofrenda no seu blog [o que ofrenda e non o que ofrece porque dende un blog un ofréndase] e o que alenta dende el con seguinte mascarón de proa: Defende a cultura: Cópia todo o que saibas, todo o que podas, todo o que queiras.
En tanto que el falaba, na penumbra das butacas eu perfilaba a seguinte sentenza mental: se houbesemos dividir os poetas e escritores entre aqueles que aspiran a vivir pasivamente do que escriben [funcionarios, no peor sentido do termo; autocompracentes, no peor sentido do adxectivo] e aqueloutros que aspiran a vivir activamente do que escriben, os cuestionadores, os que argallan, os que non toman iniciativas de segunda man… Igor vai estar dentro destes últimos, e diso non me cabe dúbida. En moitos sentidos, o seu xeito de estar no mundo é concibido coma un combate e é esa a actitude, levada coa intelixencia e o humor con que el o fai, a garantía dunha dose fabulosa de experimento + ironía. Esas pequenas doses en forma de artefacto, colante, convocatoria cibernética, colaxe ou cartaz que lle vimos coñecendo dende hai xa varios anos. Continuar lendo ‘pinte un bisonte na caverna, por favor [crónica X]‘





