Un texto pertencente á serie de textos carboníferos, anteriores a 1997.
figura histórica anónima
Criei en mans de veleidosas nodrizas.
Os cónsules aromatizaban con talco a súa impericia,
os seus ventres castigados
a estancia do tempo nas súas meixelas
os seus ollos coma orbes sepultadas.
Nada me aprenderon do amor.
En troques, todo canto sei
de guerra
a eles débollo.
Das nodrizas gardo un arrecendo denso
e cada particularidade dos seus xeonllos.
O sardónico sorriso dos cónsules.
O seu xogo axitado e nervioso
propio de perdedores.
A súa inqueda astucia.
Caín coma un rei no seu taboleiro.
A miña fronte aberta na madeira paríu un novo imperio.
A cobiza dos homes é a mesma
só cambian a pericia e o momento.
E xa o meu nome mármore?
Son xa as letras nun libro?
Alguén estúdiame e recítame nunha clase.
Fóra chove,
como nos poemas.


