
O día 24 de xaneiro veu Sara Jess ao ciclo este dos bisontes. Sara Jess, pseudónimo de Lara Bacelo. Presentou varias das súas brillantes propostas en vídeo: primeiro con Turi, unha conversa baixo a forma de monólogo dun home peculiarmente reflexivo, desinhibido, diagnosticado. De. Esquizofrenia. Conversas con Deus.
A conversa deixa momentaneamente pranchada á audiencia.
Lara devólvenos o pulso pinchando varios vídeopoemas nos que pestanexa a súa ollada algo turbia non sei se por nostalxia, por saudade, por inocencia que se é consciente de estar abandonando. Son fragmentos atravesados. Non sei moi ben de que.
Rotos. Non sei moi ben por que.
territorios [o stage6 pechou, así que non sei onde se poderá conseguir]
fuxida
carta dun domingo pola tarde
Por suposto, gústannos. Moitísimo.
Na butaca sentadiña penso. Non moito. Non é san. Pero vouno compartir: penso que a imaxe e a fotografía seguen dúas vertentes:
- a vertente brillante, a da imaxe de alta definición, enormemente agresiva porque imprime ante os nosos ollos cousas que non estaban aí, cousas que nós non vimos. A fotografía que mellora o mundo. Un mundo de contornos idealizados. A fotografía exultante de técnica. David LaChapelle oucomoseescriba por exemplo.
- a vertente opaca, a que trata de interpoñer pó ou tempo [son, e logo non, a mesma cousa] entre nós e a imaxe, a fotografía turbia, algo rachada, manchada. A fotografía tímida. Que, á fin, tamén nos amosa un mundo que nós non vimos. Que non estaba aí. Unha imaxe arcaizada -que para inventar palabros está o blog-. Un mundo de contornos esluídos. A fotografía de Sara Jess- Lara Bacelo, por exemplo.
Unha repentina categorización que nin sequera sei se resultará operativa.
Máis, pero moito máis non seu cartafol de silencios





