Pídenme textos. Ás veces, o pretexto para un texto xustifica a súa angustia. Non a compensa, pero a xustifica. Escribir non é angustioso. Éo esixírseo a un mesmo para poder poñerse baixo o rótulo de escritor. Iso é imperdonábel, pedante, todo angustiosamente. Pero a min gústame compracer aos demais. Esas peticións caprichosas e pode que absurdas: fai un texto para isto; e agora para isto outro. Son unha ruleta. No noso cerebro as ruletas poden enferruxar e, cando cremos estar obrando de xeito casual, en realidade seguimos un patrón de pensamento coherente. Custa moitísimo -a cordura toda- ser incoherente. Deixarse levar polo azar. Esa palabra un pouco boba que xustifica tanto sen compensalo.
Pídenme textos, en definitiva, fano. Estou contenta. Son moi educada, moito. Gústame compracer esas constricións caprichosas [e pode que absurdas]. Dedícome con devoción aos textos por encarga e descoido os propios. Son desafíos. En realidade, síntome retada. Constantemente. A que non te atreves? A que non podes? Vivo nesa tensión medieval.
Entón toca matinar sobre as solucións. Sobre historias en prosa, sobre poemas locais, sobre unidades didácticas, sobre poemas visuais. O tempo escóase por entre as pernas. Son as miñas olleiras, esas que me familiarizan coa morte, esas olleiras, as marcas dos textos por facer. Fáltame descanso. Ando malhumorada. Facendo cousas a medias.
Pero contenta, pois fun retada.
É un modus similar a estar vivo.
Xanto coas de teatro. En Cangas, nunha terraza estival de febreiro. Falan dos campos mórficos. Logo imos ao ensaio, chegamos tarde. Bebemos viño co xantar. Temos idades diversas. Todas sobre o escenario, como as 7 fillas dun conto. Mulleres que fan de mulleres con historia. Pero eu prefiro os seus escenarios, as súas tramas, o atrezzo que compran no súper, o que agochan na ultima gaveta, a luz que lles dá directamente no rostro: o por que do fillo de L, o pasado londinense de E, o bruxismo de M, as teimas de S, o por que do fillo da outra L, as inquedanzas de X, a obra de teatro premiada de I…
Hai moito máis que calcetar por aí detrás.




0 Respostas to “calcetade, calcetade, malditas”